13.05.2018

Cuarto posto dos homes do Triatlón Ferrol no campionato galego de tríatlon contra o reloxo

O Triatlón Ferrol rematou entre os mellores ao ser cuarto no campionato galego de tríatlon contra o reloxo.

Despois de nadar xuntos para ir a relevos entre todos no ciclismo, Pablo Pedrosa quedouse na recta final do segmento de bici e non freou os seus compañeiros porque tiñan posibilidades de entrar no top-5 do campionato. Na carreira a pé, espreméronse Marcos Ruiz, Iván Puentes, Juan Rejas e Miguel Benavent para cruzar a meta cun tempo de 1:03:07, que lles valería para  ser cuartos.

Cuartos absolutosAos éxitos do club departamental contribuíu a Escola Javi Gómez Noya con dúas medallas. Por unha banda, a exhibición que deu o mesmo equipo que viña de ser sexto no campionato de España, Hugo Prida, David Campos, Alejandro Rodríguez, Jorge e Rubén Morado, e que gañou este domingo en Vilagarcía con máis de 40 segundos de vantaxe. Pola outra, as canteirás do Triatlón Ferrol que se colgaron o bronce saíndo cun equipo de só catro triatletas e que, polo tanto, non se podía permitir erros. Lideradas pola cadete Carmen Jiménez, flamante subcampioa da Copa da Raíña co equipo elite, o conxunto que completaban Carlota Teijeiro, Lucía Santalla e Sabela Caneiro estivo a menos de 30 segundos de lograr a prata.

Na proba open, o Triatlón Ferrol de Borja Catrufo, Gonzalo Jiménez, Marcos Caneiro, Luis Rilo, Roberto Martínez e Juanchi González foi quinto.

13.05.2018

Sete medallas para Escola Javi Gómez Noya no campionato galego de dúatlon escolar

A canteira do Triatlón Ferrol conseguiu esta fin de semana tres medallas individuais e catro por equipos no campionato galego de dúatlon escolar.

Campioa alevín

Noa Souto foi subcampioa galega benxamín e, en alevín, o título de María Filgueiras e a prata de Lucía Piñón contribuíron ao ouro logrado por equipos para a Escola Javi Gómez Noya. Tamén por clubs, o equipo cadete masculino subiu ao podio como subcampión e os infantís tanto na categoría masculina como na feminina subiron ao terceiro chanzo do podio como bronces do campionato galego.

12.05.2018

Puntos para Inés Santiago cun 45º posto nas Series Mundiais de Yokohama

Inés Santiago conseguiu puntuar nas Series Mundiais de Yokohama ao entrar 45ª en meta. A canteirá do Triatlón Ferrol rematou satisfeita coa súa natación aínda que é consciente que no primeiro segmento perdeu a oportunidade de meterse nos pelotóns de diante.

Aguantou en bici e foi nos 10 km de carreira a pé onde máis sufriu ata rematar penúltima.

“É un resultado moi bo, vendo o nivel que había non me podo queixar”, asegurou a triatleta de Canido desde Xapón.

Pola súa banda, Camila Alonso, que chegaba moi xusta despois de caer en bici adestrando na casa hai dúas semanas, retirouse durante o sector ciclista.

06.05.2018

Marcos Ruiz, cuarto da xeral e gañador sub-23 en Nigrán polo Triatlón Ferrol

O Triatlón Ferrol sumou dúas medallas no Desafío Illas Estelas de Nigrán co ouro e a prata sub-23 de Marcos Ruiz e
Pablo Pedrosa.

O fenés Marcos Ruiz volvía competir despois de semanas lesionado que o limitaban en bici e na carreira. O seu bo adestramento en natación notouse ao saír da praia de Panxón entre os tres primeiros.

podio sub-23Rodou no pelotón perseguidor de bici ata chegar á segunda transición e aí xogarse nos 5 km finais a pé os postos de honra. Finalmente o canteirán da Escola Javi Gómez Noya finalizou en cuarto lugar, coas medallas lonxe pero co billete conseguido para o campionato galego de tríatlon que en agosto se celebrará en Ferrol.

Faltáronlle 20 segundos a Pablo Pedrosa para conseguir a praza para o campionato galego ao rematar nunha meritoria 19ª posición, polo que é probable que consiga en próximos clasificatorios.

Co tempo de Borja Catrufo -61º-, o Triatlón Ferrol colocouse oitavo na clasificación por clubs.

06.05.2018

Miriam Casillas ten que retirarse na Copa do Mundo de Chengdu por caída

Miriam Casillas non puido rematar a final da Copa do Mundo de Chengdu ao sufrir unha caída no ciclismo que a puido deixar inconsciente porque non lembra como ocorreu.

regreso en ChengduA internacional do Triatlón Ferrol lamentou a oportunidade perdida porque xusto se foi ao chan na primeira volta de ciclismo, cando estaba dando caza ao pelotón perseguidor que podería coller ás dúas escapadas de cabeza.

Despois do susto, a triatleta de Badaxoz pode celebrar que o golpe non foi grave e que poderá seguir adestrando para próximas citas internacionais.

05.05.2018

O Triatlón Ferrol, subcampión da Copa da Raíña

O Triatlón Ferrol abre a liga de Primeira División subindo de novo ao podio ao ser subcampión da Copa da Raíña.

Desde a natación, co segundo mellor parcial, Inés Santiago, Melina Alonso, Ana Carvajal, Morgan Branchoux e a cadete Carmen Jiménez avisaron da súa candidatura ás medallas.

SubcampioasNa transición, o equipo departamental deixou atrás a promesa Jiménez para darse relevos constantes entre Santiago, Alonso, Carvajal e Branchoux. Mentres, un espectacular Cidade de Lugo Fluvial con Saleta Castro e Sara Pérez  voaba en bici e complicaba o título.

No sector definitivo a pé, o cuarteto do Triatlón Ferrol correu a un ritmo de 3’50’’ para rematar cun tempo en meta de 1:06:54, deixando ás terceiras a máis dun minuto de distancia.

Os mellores galegos no campionato de España escolar

No campionato de España de tríatlon contra o reloxo por equipos escolar, a Escola Javi Gómez Noya colocouse sexta de España e mellor conxunto galego co mugardés Jorge Morado e os ferroláns David Campos, Hugo Prida e Alejandro Rodríguez.

24.04.2018

Proposta sobre a igualdade nos premios económicos de eventos deportivos organizados co apoio do Concello de Ferrol

O Club Triatlón Ferrol  traslada aos grupos municipais do Concello de Ferrol:  Ferrol en Común, Partido Popular, Partido Socialista, BNG e Ciudadanos para o seu debate no pleno da corporación unha proposta sobre a igualdade nos premios económicos de eventos deportivos.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A menor participación de mulleres en eventos deportivos ten múltiples causas, pero unha delas é o maior valor que se lle dá ao deporte masculino. Un símbolo claro son os premios económicos machistas en competicións nas que, polo mesmo posto e na mesma categoría, os deportistas ou equipos masculinos reciben unha cantidade maior que as súas compañeiras. Isto contribúe ao fomento da idea de que o deporte feminino é menos valioso e, na práctica, a que as deportistas teñan maior dificultade para poder financiar a súa actividade en igualdade de condicións.

Segundo a LEI 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, no artigo 3 apartado C do Título I Disposicións Xerais establécese “o dereito de todos os cidadáns a coñecer e a practicar deporte de forma libre, voluntaria e democrática, en termos de igualdade e sen discriminación ningunha”.

Polo tanto, entregar un menor premio económico á categoría feminina dun evento deportivo non cumpre con ese principio reitor estipulado por lei, e o Concello de Ferrol, de colaborar co evento, estaría fomentándoo con medios públicos e, ademais, cometendo un ilícito legal.

A maiores, o citado corpo legal, no Artigo 5 apartado 3 establece:

“no exercicio das competencias atribuídas á Administración autonómica, integrarase a dimensión da igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes e evitarase calquera elemento de discriminación directa ou indirecta”

A Secretaría Xeral para o Deporte, nas  últimas bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas (código do procedemento PR945C), no Artigo 2.3 di:

Non poderán obter a condición de beneficiarios destas subvencións:

  1. c) Os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e agrupacións deportivas escolares que discriminen nos premios ou recoñecementos que outorguen as persoas deportistas por razón de xénero.

Á marxe da lexislación, o Club Triatlón Ferrol cre firmemente que as entidades públicas, neste caso a administración local, en ningún caso poden destinar os seus recursos a actividades que vaian en contra da igualdade de xénero efectiva.

A cultura machista da nosa sociedade é o motivo polo que entregar un menor premio económico ás mulleres nun evento deportivo entendeuse como normal ata o de agora pero é momento de evitar que volva suceder e de facer que o lema esgrimido polo Concello de “Espazo libre de violencias machistas” sexa unha realidade na práctica.

No deporte, que haxa unha menor participación non está obrigatoriamente relacionado co nivel da competición ou co esforzo feito para conseguir o triunfo. En todo caso, nas probas de base é habitual que as participantes sexan máis que os seus compañeiros e xamais se pensa na posibilidade de non dar as mesmas medallas a nenos que a nenas, a discriminación só atopa xustificación para prexudicar ás mulleres.

De non xogar coas mesmas condicións e optando ás mesmas recompensas económicas polo mesmo resultado nunca se poderá acadar a igualdade no deporte. É máis, de perpetuar a discriminación, a brecha manterase ou farase aínda maior.

PROPOSTA

O Club Triatlón Ferrol insta aos grupos municipais da Corporación a que acorden levar a pleno para o seu debate e posterior aprobación unha moción conxunta que inste ao goberno local a non organizar e non colaborar nin economicamente nin con recursos humanos ou materiais do Concello de Ferrol con ningún evento deportivo, con carácter federado ou non federado, que entregue premios distintos en función do xénero polo mesmo posto e mesma categoría e a incluír explicitamente esta condición nos convenios asinados con clubs ou asociacións deportivas a partir da súa aprobación.