11.11.2018
A canteirá do Triatlón Ferrol non puido rematar a súa defensa do título Iberoamericano de tríatlon en Santo Domingo. Camila Alonso arriscou para competir aínda sen estar ao 100% fisicamente pero tivo que retirarse no campionato Iberoamericano de tríatlon. A internacional do Triatlón Ferrol sufriu mareos durante o recoñecemento do circuíto ciclista, mareos que atribúe posiblemente a unha infección de oído. A maiores, a salsa da cea previa á competición provocoulle fortes dores de estómago, que tamén padeceu outro compañeiro que comera o mesmo que a ferrolá. De tódolos xeitos, quixo botarse á auga porque tivera adestrado moito para esta proba. “Nadando sentinme mal e na bici peor, tiven que saírme e inxectáronme un medicamento para a dor de estómago”, lamentou Camila Alonso desde a habitación do hotel onde se atopaba descansando. Agardando que sexa pasaxeiro, os plans da canteirá do Triatlón Ferrol pasan por rematar a temporada este mes con dúas probas das Series Nacionais de México en Xelha e Cidade de México.
10.11.2018
A internacional do Triatlón Ferrol foi a máis forte nos 10 km finais de carreira para facerse co podio.
Miriam Casillas puxo o colofón á súa temporada cun bronce na Copa do Mundo de Miyazaki. Despois dunha natación e un ciclismo moi igualado, agás o primeiro e o segundo posto, todo se decidiría no último segmento de carreira.
“Íbamos Tomlin, Derron, Mazzetti, MacShane, Hedgeland y yo, en la segunda vuelta se quedaron dos y en la tercera, también Mazzetti”, repasa unha Miriam Casillas que lle acabou gañando o esprinte a Hedgeland e Derron para conseguir a medalla.
28.10.2018
Miriam Casillas demostrou a súa regularidade na Copa do Mundo de Tongyeong ao meterse de novo no top-10 sendo sétima. Cunha boa natación, a internacional do Triatlón Ferrol puido rodar no
pelotón líder, sabendo que todo se decidiría na carreira. Chegando á transición unhas 20 triatletas xuntas, Miriam Casillas saíu escondida no grupo pero metro a metro ía superando rivais. Cunha potencia admirable, terminou remontando ata o último quilómetro e acabou cruzando a meta en sétima posición, a 12 segundos do bronce. A competición coa que calcula terminar a temporada será a Copa do Mundo de Miyazaki.
28.10.2018
Carmen Gómez rematou en 22a posición na Copa de Europa de Funchal. Despois dunha mellor natación que a do Europeo, a sub-23 do Triatlón Ferrol saíu da auga case co primeiro grupo. Apertou na transición e nos primeiros quilómetros para chegar á primeira subida á cola do pelotón pero na baixada deixárona atrás e, polo esforzo realizado, non foi quen de enganchar con elas de novo. Correndo a un bo nivel, Carmen Gómez rematou máis satisfeita do traballo feito que a semana pasada en Israel. “Viña co xusto porque nas últimas dúas semanas non adestrei moito”, recoñeceu a deportista do club ferrolán.
21.10.2018
Carmen Gómez finalizou en 12º lugar no campionato de Europa sub-23. A deportista do Triatlón Ferrol calificou a súa natación como a peor da súa carreira. “Non foi por golpes, non teño escusa. Non sei por que pero non tiña forzas para nadar máis rápido e cheguei á primeira boia literalmente entre as últimas”, asumiu Gómez. Sen estar acostumada a saír atrás despois do primeiro segmento, Carmen Gómez buscou a colaboración no pelotón pero non houbo rivais que tirasen para acurtar diferenzas e os seus intentos de escapada en solitario non tiveron éxito. Correndo a sub-23 tivo que seguir sufrindo xa que a proba celebrada en Israel disputouse baixo unha intensa calor, de feito, o horario masculino tivo que adiantarse a primeira hora para evitar as horas centrais do día que comezaron a padecer as mulleres.
14.10.2018
O Club Triatlón Ferrol rematou a Liga Iberdrola de Primeira División como cuarto clasificado despois de ser sétimos este domingo no campionato de España por relevos mixtos. Carmen Gómez non puido comezar mellor a súa posta. Saíu da auga entre as mellores, foi das que máis tirou no ciclismo e, aínda que perdeu algún segundos na transición e foi a última do cuarteto de cabeza en comezar a correr, apertou moi cedo para entregarlle o testemuño a Marcos Ruiz en primeira posición. O fenés aproveitou os segundos de vantaxe que tiña na natación para manterse no pelotón líder nun ciclismo cun ritmo frenético e só baixou o pistón no sector a pé, onde se enfrontaba a triatletas de nivel internacional. Ana Carvajal, aínda que non estaba ao seu mellor nivel nunha longa temporada, cumpriu de sobra para deixar o club preto do top-5. No relevo definitivo, Iván Puentes chegou a ter problemas coa sela da bici e non puido facer un ciclismo cómodo e na carreira o triatleta ferrolán
puido forzar para cruzar a meta oitavo da xeral e sétimo entre os equipos da Primeira División Feminina. Desta forma, o Triatlón Ferrol rematou a Liga como o cuarto mellor club feminino de España.
13.10.2018
O Club Triatlón Ferrol logrou ser sexto no campionato de España por clubs de Primeira División cunha rápida proba na que meteu a tres triatletas no top-10 individual. Melina Alonso saíu en cabeza da natación e rodou nun pelotón no que colaboraron Carmen Gómez e Morgan Branchoux, xa que a consigna do equipo era apertar o máximo posible para marcar en meta un tempo de corte que puidese deixar fóra a rivais de outros clubs. En carreira, a ferrolá Alonso foi de máis a menos, rematando terceira a nivel individual. A Carmen Gómez, sétima en meta, custoulle atopar o ritmo correndo e Morgan Branchoux saíu lanzada para rematar oitava. Contribuíron á puntuación final do club Pauline Vie, Ana Carvajal e Carmen Jiménez, xa que Raquel Ruiz quedou eliminada polo tempo tan esixente que marcou a vencedora pero tampouco entraron rivais do Bétera, equipo co que o conxunto ferrolán se xoga o top-5 da clasificación final da Liga do máximo nivel estatal.
Na xornada do domingo, o relevo do Triatlón Ferrol defenderano Carmen Gómez, Marcos Ruiz, Ana Carvajal e Iván Puentes.