01.07.2018

Marcos Ruiz e Jorge Morado, campións de España con Galicia

Marcos Ruiz e Jorge Morado contribuíron á vitoria final de Galicia nos campionatos de España de tríatlon por seleccións autonómicas absoluta e escolar respectivamente.

Morado, Carvajal e RuizNunha proba marcada polas tormentas eléctricas en Badaxoz, o tríatlon absoluto individual foi un sálvese quen poida e contáronse numerosas caídas no ciclismo. Non foi o caso de Marcos Ruiz, o canteirán do Triatlón Ferrol estivo precavido e sumou o seu 27º posto á clasificación de Galicia que xa perdera a súa estrela coa caída de Antonio Serrat. A accidentada xornada relegou á selección galega á sexta praza no sábado pero o ouro do equipo feminino e o triunfo no relevo mixto do domingo, déronlle o título conxunto a Galicia.

Na proba escolar, decidiuse cambiar o tríatlon por un ácuatlon para eliminar o segmento ciclista tan esvaradío, sector que botou en falta Jorge Morado. A promesa da Escola Javi Gómez Noya saíu entre os dez primeiros da auga e mantivo ben a posición correndo para ser 17º. No domingo, Morado foi elixido para correr no relevo B da selección. Na súa quenda o mugardés remontou ata coller á cabeza no ciclismo e finalmente o seu equipo foi cuarto. Co primeiro posto das rapazas individualmente, o segundo dos rapaces e a vitoria do relevo mixto, a selección galega escolar colgouse o ouro.

A maiores, o Triatlón Ferrol celebrou tamén o subcampionato de Ana Carvajal con Andalucía, sendo a referencia da súa selección.

Deja tu comentario