24.04.2018

Proposta sobre a igualdade nos premios económicos de eventos deportivos organizados co apoio do Concello de Ferrol

O Club Triatlón Ferrol  traslada aos grupos municipais do Concello de Ferrol:  Ferrol en Común, Partido Popular, Partido Socialista, BNG e Ciudadanos para o seu debate no pleno da corporación unha proposta sobre a igualdade nos premios económicos de eventos deportivos.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A menor participación de mulleres en eventos deportivos ten múltiples causas, pero unha delas é o maior valor que se lle dá ao deporte masculino. Un símbolo claro son os premios económicos machistas en competicións nas que, polo mesmo posto e na mesma categoría, os deportistas ou equipos masculinos reciben unha cantidade maior que as súas compañeiras. Isto contribúe ao fomento da idea de que o deporte feminino é menos valioso e, na práctica, a que as deportistas teñan maior dificultade para poder financiar a súa actividade en igualdade de condicións.

Segundo a LEI 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, no artigo 3 apartado C do Título I Disposicións Xerais establécese “o dereito de todos os cidadáns a coñecer e a practicar deporte de forma libre, voluntaria e democrática, en termos de igualdade e sen discriminación ningunha”.

Polo tanto, entregar un menor premio económico á categoría feminina dun evento deportivo non cumpre con ese principio reitor estipulado por lei, e o Concello de Ferrol, de colaborar co evento, estaría fomentándoo con medios públicos e, ademais, cometendo un ilícito legal.

A maiores, o citado corpo legal, no Artigo 5 apartado 3 establece:

“no exercicio das competencias atribuídas á Administración autonómica, integrarase a dimensión da igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes e evitarase calquera elemento de discriminación directa ou indirecta”

A Secretaría Xeral para o Deporte, nas  últimas bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas (código do procedemento PR945C), no Artigo 2.3 di:

Non poderán obter a condición de beneficiarios destas subvencións:

  1. c) Os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e agrupacións deportivas escolares que discriminen nos premios ou recoñecementos que outorguen as persoas deportistas por razón de xénero.

Á marxe da lexislación, o Club Triatlón Ferrol cre firmemente que as entidades públicas, neste caso a administración local, en ningún caso poden destinar os seus recursos a actividades que vaian en contra da igualdade de xénero efectiva.

A cultura machista da nosa sociedade é o motivo polo que entregar un menor premio económico ás mulleres nun evento deportivo entendeuse como normal ata o de agora pero é momento de evitar que volva suceder e de facer que o lema esgrimido polo Concello de “Espazo libre de violencias machistas” sexa unha realidade na práctica.

No deporte, que haxa unha menor participación non está obrigatoriamente relacionado co nivel da competición ou co esforzo feito para conseguir o triunfo. En todo caso, nas probas de base é habitual que as participantes sexan máis que os seus compañeiros e xamais se pensa na posibilidade de non dar as mesmas medallas a nenos que a nenas, a discriminación só atopa xustificación para prexudicar ás mulleres.

De non xogar coas mesmas condicións e optando ás mesmas recompensas económicas polo mesmo resultado nunca se poderá acadar a igualdade no deporte. É máis, de perpetuar a discriminación, a brecha manterase ou farase aínda maior.

PROPOSTA

O Club Triatlón Ferrol insta aos grupos municipais da Corporación a que acorden levar a pleno para o seu debate e posterior aprobación unha moción conxunta que inste ao goberno local a non organizar e non colaborar nin economicamente nin con recursos humanos ou materiais do Concello de Ferrol con ningún evento deportivo, con carácter federado ou non federado, que entregue premios distintos en función do xénero polo mesmo posto e mesma categoría e a incluír explicitamente esta condición nos convenios asinados con clubs ou asociacións deportivas a partir da súa aprobación.

Deixa o teu comentario