01.07.2017

Inés Santiago, nova campioa do Mediterráneo

Inés Santiago, subcampioa da xeralInés Santiago proclamouse campioa do Mediterráneo ao ser segunda da Copa de Europa de Altafulla e só superada pola estadounidense Summer Cook, actual 11ª do ranking mundial. Moi preto, quinta da xeral, entrou Melina Alonso remontando a pé.

As internacionais do Triatlón Ferrol saíron da auga detrás de dúas escapadas. Inés Santiago nun primeiro grupo e Melina Alonso, no segundo. Unha boa transición permitiulle á maior das Alonso facer un ataque, colaborar cunha triatleta italiana ata quedar a piques de enganchar coas perseguidoras mediado o ciclismo. Nese grupo, rodaba Santiago esgotando moitas forzas e pensando que o ía pagar no sector final a pé. Pero unha rápida segunda transición colocou a Inés Santiago en cabeza do grupo e así poder correr ao ritmo que ela mesma se marcaba.

“Collín unha das escapadas e, ata que non estaba a punto de cruzar a meta, non mo cría. Non podo estar máis contenta co meu primeiro podio elite”, resumiu unha exultante canteirá ao lograr a prata da xeral.

Pola súa banda, Melina Alonso viu remontando desde atrás no segmento de carreira para entrar no top-5 da Copa de Europa e quedar cuarta do campionato Mediterráneo, a 20 segundos do bronce.

Deja tu comentario