08.10.2016

O Triatlón Ferrol imponse con autoridade no relevo por parellas e sobe ao podio da Liga

con-tamara-gomezO Triatlón Ferrol remata a Liga de Primeira División cun bronce certificado este sábado en Pulpí ao gañar o relevo por parellas con gran superioridade. O traballo do club ferrolán iniciárono a triatleta de Canido Inés Santiago e Carmen Gómez. Xuntas, puxéronse en cabeza da proba no segmento de carreira e así entregaron o testemuño como líderes á parella formada por Raquel Ruiz e Ana Carvajal. As máis novas do equipo foron alcanzadas polo Diablillos de Rivas en bici pero a junior Carvajal tirou a pé da súa compañeira cadete Ruiz para volver colocarse en primeira posición. Xa na derradeira posta, a ferrolá Melina Alonso e a naronesa Sara Guerrero non gardaron forzas aínda que competían á tarde no Gran Premio Cofidis a nivel individual. Cruzando a meta con case un minuto de vantaxe, o Triatlón Ferrol gañou o relevo por parellas que pechaba a Liga de Primeira División e conseguiu mellorar o cuarto posto que mantiña para colarse no podio e levarse o bronce da máxima categoría do tríatlon nacional. “Acabamos cun sabor agridoce por non ter puntuado no campionato de España sprint e non poder desbotar un mal resultado porque en tódalas probas demostraron que realmente son as mellores. Pero estamos moi orgullosos do compromiso de todas en cada proba á que acudiron co club”, celebra Jaime Ruiz, director técnico do Triatlón Ferrol, sobre o mellor resultado da historia do club na Liga.

Deja tu comentario