17.09.2016

Inés Santiago queda a un sprint do bronce no Mundial junior

ines-santiago-cecilia-santamaria-e-carmen-gomezAo sprint xogouse Inés Santiago estar no podio do campionato do mundo junior e, por un segundo, a promesa do Triatlón Ferrol foi cuarta. A natación comezaba cunha breve escapada e a ferrolá Inés Santiago colocada nun numeroso grupo perseguidor, mentres que Carmen Gómez, por dez segundos, perdeu o pelotón. No ciclismo, o grupo de Santiago dedicouse a manter as distancias coa cabeza de carreira. Chegadas á segunda transición, máis dunha ducia de triatletas terían que pelexar polas medallas de prata e de bronce, xa que a que sería a nova campioa do mundo protagonizou unha escapada merecedora do título. Inés Santiago non saíu entre as primeiras a correr pero colocouse desde o primeiro quilómetro nas dez primeiras posicións. Pola súa banda, a dous minutos da cabeza de carreira, Carmen Gómez abandonou a T2 co reto de entrar no top-20 do mundial. Así, a triatleta de Ferrol pasou pola primeira volta de carreira a pé na sexta posición, non acusou a calor, pegouse ás súas rivais e, nos últimos 100 metros, correu á par da coreana Jeong, tomando a dianteira por milímetros pero finalmente cedendo o bronce na meta. Medalla de chocolate para Inés Santiago cun sabor moi doce. Sendo a mellor do seu pelotón no sector final, Carmen Gómez completou o Mundial junior cunha 21ª posición.

Deja tu comentario