12.03.2016

Miriam Casillas colócase como a mellor española na Copa do Mundo de Mooloolaba sendo sétima

A internacional do Triatlón Ferrol escala oito postos no ranking olímpico.- Unha fortísima Miriam Casillas consegue ser sétima na Copa do Mundo de Mooloolaba deste sábado grazas a marcar o quinto mellor parcial de carreira a pé. A pacense do Triatlón Ferrol saíu da auga no grupo perseguidor de dez triatletas que escaparon en bici. Nun gran segundo pelotón de máis de 30 unidades, Miriam Casillas rematou o ciclismo diante e comezou os 5.000 metros finais a pé adiantando rivais. “Nadei mellor que en Abu Dhabi e, aínda que ía nun segundo grupo con xente bastante forte, saín a correr tirando eu e adiantei a unhas cantas do primeiro grupo menos Gentle e Tomlin”, resume a triatleta de Badaxoz. Correndo en 17:24 os últimos 5 km despois de nadar e rodar en bici, Miriam Casillas entrou no top-10 da proba por diante de nomes como a subcampioa olímpica Lisa Norden, Yuliya Yelistratova –gañadora da Copa do Mundo de Alanya na que Casillas fora bronce- e das españolas Ainhoa Murua e Carolina Routier. Deste xeito, a internacional do Triatlón Ferrol sobe oito postos no ranking olímpico e continúa coa súa loita co resto de países para darlle a España unha terceira praza nos Xogos de Río. A Copa do Mundo de Mooloolaba celebrouse en distancia sprint -750 m de natación, 20 km de ciclismo e 5 km de carreira a pé-.

Deja tu comentario